mércores, 11 de maio de 2022

Empezar a ler nunha lingua estranxeira

 

Ler é unha ferramenta fundamental para reforzar e ampliar os coñecementos na aprendizaxe dun idioma. De todos xeitos, pode dar certa vertixe adentrarse nunha lingua que aínda non dominamos e máis no terreo escrito. Preséntovos aquí unha presada de consellos para comezar a ler na lingua que esteas a estudar.


  • Poesía
Si, os teus ollos non te enganan, ese xénero tan "complicado" é unha ferramenta xenial para comezar a ler poesía. Por qué? Pois o normal é que as edicións de poesía sexan bilingües e ofrezan unha tradución ao outro lado da páxina. Non terás que ir ao dicionario cada vez que queiras atopar unha palabra nova, só cruzar a fronteira do lombo do libro. 
Ademais, os poemas tenden a ser breves e autoconclusivos, poderás ir lendo aos poucos. Pérdelle o medo e adéntrate no mundo da lírica!


The men are weeping in the gym, de Andrew Mcmillan no seu poemario Físico(2018) con tradución ao galego de Isaac Xubín na editorial Chan da Pólvora


  • Cómic
Se  buscas un texto nunha soa lingua eu anímote a probar cos cómics. Aínda que a presenza do texto é importante, faise moito máis sinxelo ler co apoio visual. Pode ser unha boa maneira de introducirse na lectura en xeral e máis concretamente no idioma que estudas. 
  • Música
Non moi alonxado da poesía (Bob Dylan ten un Premio Nobel de literatura) atopámonos coa música. Omnipresente no noso día a día, reparar nas letras é algo que non facemos tanto. Para iso podemos botar man da aplicación chamada Genius. É unha aplicación colaborativa na que os usuarios colgan a letra e, non só iso, senón que tamén a van comentando e descifrando o que quería dicir o autor. E un mundo inmenso o de Genius e estou seguro de que atoparás a canción (ou incluso o poema) que a ti máis che encha o ollo







  • Relatos
Se a lonxitude dunha novela che asusta, non deixes de intentar ler relatos ou mesmo microrrelatos. Son unha boa ferramenta para comezar a ler nunha lingua que non dominamos. Estou seguro de que a túa profe poderá recomendarte ben. 

Por riba de todos estes consellos, o importante é intentalo e non desistir. As veces pode custar, pero cun pouco de esforzo achegaraste a un novo mundo de posibilidades lectoras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario